domingo, 16 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.14


ter a sensación de xogar con lume: profanar cemiterios (cunha cámara dixital nas mans ter a sensación de profanar cemiterios). entrar neles en silencio e sair deles calado…




define cemiterio, profanar, sensación, silencio…




o meu merlo esqueceu a súa canción e vaga cego polo bosque azul dos cazadores. de novo temo o fatal desenlace. constantemente temo o fatal desenlace: crónica dunha vida anunciada.




anotación: reler con calma algún día a barthes.




outra anotación: reler con calma algún día calquera texto que tivera lido antes (condición sine qua non), só da relectura se sobrevive, fugazmente, coma un fotón nunha botella cunha punta de encofrar: o fotón non ten por que sabelo, que sabe un puto fotón?




non hai que preocuparse demasiado, co paso do tempo todo se conmemora, abonda con ser un pouco estúpido para acaparar a atención de alguén que mira para os estúpidos ou de alguén que é máis estúpido. o mundo está tan sumamente neurótico que aboda con morrer pronto ou matarse antes para que todo quede xustificado e todo quede sinalado, profetizado, previsto, suxerido, apuntado, indicado e todos os –ados que se me esquezan agora. malo de quen non sabe morrer a tempo, a lentitude pasou de moda e a moda pasou dos lentos: fast food.




define lentitude, defínea con calma, de vagar, sen présa ningunha, temos todo o verso (apenas quedan xa versos) para nós, para nós que pasamos en silencio polos pasos de cebra do futuro. escombro somos e ó escombro voltaremos.



queridísima chus pato, pouco máis podo dicirche. torpe. así eu, tan torpe, tan necio (tan paramecio).

3 comentários:

Anónimo disse...

lembra a Benjamin: práctica de hermenéutica radical: copiar un texto: Roland Barthes levaba un papel no bolsillo cando un coche se estampou contra el: e dicía (o papel): 'reler a cave canem? define relectura: mais quen carallo é Chus Pato' (traducción miña)

Anónimo disse...

Abro Barthes por calquera páxina, copio

"Hai namorados que non se suicidan: é posíbel que eu saia dese "túnel"que sigue ao encontro amoroso: volvo ver o día, sexa que logre darlle ao amor infortunado unha saída dialéctica (conservando o amor, pero desfacendome da hipnose), ou ben que abandonando este amor, volva a iniciar a xornada, buscando reiterar, con outros, o encontro do que gardo o abraio: xa que ese encontro pertence a orde do "primeiro pracer" e eu non teño paría que non volva: afirmo a afirmación, recomezo, sen repetir.

(O encontro irradia; máis tarde, na lembranza, o suxeito converterá en monumento os tres intres da xornada amorosa; falará do "túnel abraiante do amor").

Chus Pato c´est moi

violentamente

Ada**

cave canem disse...

Mongoloid convertido en perverso traductor de textos imaxinarios e inimaxinables; Ada** transformada (definitivamente?) en copista barthiana e, sobre todo, en flaubertiana Chus Pato...
Alguén da máis?
Ver a anécdota do arqueólogo Persson en 'Lo obvio y lo obtuso', pp. 225-226, Paidós 1995.