segunda-feira, 31 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.19 (derradeiro acto de biolencia)


r.i.p. (ripio definitivo): é esta unha agresión stoniana e nerviosa, e é este un enigma de baixa intensidade, unha lingua rosada de can sedento bebendo viño barato besarabo. linguas mortas: babel (as escaleiras da torre levan a odesa, levan ó negro mar da historia ou, quén sabe, moito máis lonxe).




r. é a radio, non importa a emisora, é a radio, dá o mesmo que sexa de galena (quen lembra un aparato de radio de galena?) ou transistor (quen lembra…?).



i. é un número imaxinario que expresa o valor da raíz cadrada de menos un, sempre de menos un, salvo casos alucinantes que son inimaxinables por moito que lles fagamos nichos no regazo dos versos: non hai tren que non leve a birkenau.




humildes floreiros de vidro e flores malva de cardo e nunca lirios amarelos irritantes.




pi é unha letra grega coa que se pechan os círculos viciosos.




seguramente un lirio amarelo a fin de contas non deixa de ter o seu encanto e toda a irritación se atopa na mirada, nunha mirada torpe e biolenta.




pensas acaso que o poeta…? (queridísima chus, chus pato). imposible pensar en otra cosa (queridísimo bolaño, queridísimo roberto bolaño, me estás oyendo, inútil?). o meu merlo voou do pentagrama de espiños. un billete de intercar enriba da mesa, uns versos antigos (xa apenas quedan versos), un fragmento dunha conversación que dous descoñecidos manteñen ó meu carón: siempre llueve cuando las nubes vienen de toledo.




define nube, queridísima ou queridísimo lectora ou lector: nuve (por suposto, con uve), define a biolencia dunha nuve que veña de toledo tal e como se agora mesmo este non lugar se chamara para nós madrid, se chamara para nós madrid nun mes de setembro de mil novecentos oitenta e seis nunha estación de autobuses de finais de verán.



define biolencia dun xeito visceral e inevitable… en defensa propia, digo.

sexta-feira, 28 de dezembro de 2007

terça-feira, 25 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.18










define ollos de cardo, ollos malva de cardo, ollos malva de flor de cardo; define mirada de flor de ollos, mirada de flor malva de biolencia.


domingo, 23 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.17


define chus pato.




neste instante está vostede (si, vostede) en pleno paralelo 17. norte ou sur, cara ou cruz, branco ou negro, hache ou be… a todo lector lle chega máis pronto ou máis tarde a hora de decidirse, de tomar partido, de partirse, de decantarse (o meu merlo tamén se decantou). o poeta resulta entón (agora) completamente innecesario e pode abandonarse sen máis ós seus recordos ata fundirse no silencio do chío fabuloso que escoitou un día cando aínda soñaba co don da trascendencia.




do tamaño dos peixes, dos ciclos reproductivos, das mareas, dos ventos, da inmensidade do mar. deixarse arrastrar por un cardume irisado sen darlle importancia ó feito intrascendente de poder respirar. ter un instante, eso si, un destello de lucidez, e mirar para as estrelas, miralas unha por unha e todas xuntas porque esa é a orixe e ese é o fin último: luz que se apaga, lapa derrotada entre dous dedos, enerxía definitivamente transformada, trastornada, consumida.




define roberto bolaño.




…al final de un día cualquiera. me estás oyendo, inútil? life is long, my love has gone away from me. imposible pensar en otra cosa.




“pensas acaso que o poeta cando escribe está no máis adecuado estado óptimo de saúde?”



…a actriz metida no seu papel, o papel dunha actriz: ‘define biolencia’, dille (di).

sexta-feira, 21 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.16


circunnavegar a historia polo paralelo 17, polo paralelo 38… verificar detalles na esfera armilar.




gralla. gralla. gralla.




o xen da lírica, o código da circulación sanguínea (os ingleses levan a contraria por sistema, pero inventaron o fútbol e inventaron os beatles e inventaron a hora do té e inventaron a flema británica e seguramente inventaron algunha outra cousa que se me esquece agora).




o paradoxo do conxunto de números imaxinarios ó elevar unha vocal ó cadrado e obter menos un. e os de letras agardando a que viñeran os de ciencias para darnos conta do valor que teñen os signos… os poetas contando polos dedos (spitzweg).




as grallas e a torre de narla… e o meu merlo na póla dun loureiro na hora do máis fondo recendo negándose a asubiar a miña fermosísima melodía, me estás oyendo, inútil? life is long, my love has gone away.




os nomes das cousas, onde buscar os nomes das cousas, de tantísimas cousas? cada cousa e o seu nome e unha boca, unha man, unha ollada, un vínculo co mundo (todos os nomes perdidos son sombras de sombras na hora do máis fondo recendo).




biolencia é un paxaro negro pousado nunha sombra mentres o tren da noite circula polos raís de ferro de dous paralelos de distinto radio (excentricidades). o tren. horario de trens con saída para birkenau (vagóns repletos de ollos malva de cardo con sabor a fume e a lamento). biolencia é o nome do paxaro, do único paxaro.




gralla.gralla.gralla.



meu merliño, enmudecido, agardando que cheguen as primeiras cereixas no medio e medio do poema, no medio e medio dun loureiro, no medio e medio da desolación. supoño que o merlo é tamén un invento inglés.

quarta-feira, 19 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.15


queridísimo ray lamontagne (dous puntos), toda a poesía, toda a maldita poesía que perdeu o meu merlo e que foi parar á túa boca milagrosa, á túa gorxa de fondas corredoiras e de inconsolables letanías. queridísimo ray lamontagne (outros dous malditos puntos), daría todo o que non terei nunca por poder…, por saber…, por levar no peito esa portentosa marabilla, esa criminal maneira de facerme voar, de botarme ó leito inmaterial da tristeza coas plumas de todos os indios nos meus dedos e coa mirada malva, sempre malva destes ollos de cardo que nunca foron meus e que me levan e me levan e me levan: vai mahoma a lamontagne.




gone away from me. life is long, my love has gone away from me.




me estás oyendo inútil? life is long and my love has gone away from me.




profanador de cemiterios, profanador de textos, de todo tipo de cemiterios e de textos (que diferencia hai entre un cemiterio e un texto?).




define texto, pretexto, contexto… define cemiterio, pretexto, contexto… define gone away from me.




post para ela novamente (ela, a miña amada): nós estamos atrapados nas redes do enigma neste mar de area e de notable brisa e así ten que ser que nos vamos desfacendo desfacendo desfacendo (desfalecendo).




define biolencia, queridísima e platónica chus pato, define ti biolencia co teu manual de materialismo lírico político, co teu discurso poético filosófico, coa túa bífida gramática de escarnio e cicatrices; si, define biolencia agora que sabes todo o que eu nunca darei sabido e agora que ignoras todo canto eu non sei que ignoro.



toda a poesía en paquita la del barrio, en ray lamontagne, en arquivos sonoros que circulan pola rede de redes e que van a dar a la mar que es el morir e por eso eu vou alma en pena cunha cámara nas mans profanando cemiterios e sentindo na pel unha peculiar electricidade, un medrar de plumas (ave do paraíso, barroco paxaro impertinente e impenitente).

segunda-feira, 17 de dezembro de 2007

domingo, 16 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.14


ter a sensación de xogar con lume: profanar cemiterios (cunha cámara dixital nas mans ter a sensación de profanar cemiterios). entrar neles en silencio e sair deles calado…




define cemiterio, profanar, sensación, silencio…




o meu merlo esqueceu a súa canción e vaga cego polo bosque azul dos cazadores. de novo temo o fatal desenlace. constantemente temo o fatal desenlace: crónica dunha vida anunciada.




anotación: reler con calma algún día a barthes.




outra anotación: reler con calma algún día calquera texto que tivera lido antes (condición sine qua non), só da relectura se sobrevive, fugazmente, coma un fotón nunha botella cunha punta de encofrar: o fotón non ten por que sabelo, que sabe un puto fotón?




non hai que preocuparse demasiado, co paso do tempo todo se conmemora, abonda con ser un pouco estúpido para acaparar a atención de alguén que mira para os estúpidos ou de alguén que é máis estúpido. o mundo está tan sumamente neurótico que aboda con morrer pronto ou matarse antes para que todo quede xustificado e todo quede sinalado, profetizado, previsto, suxerido, apuntado, indicado e todos os –ados que se me esquezan agora. malo de quen non sabe morrer a tempo, a lentitude pasou de moda e a moda pasou dos lentos: fast food.




define lentitude, defínea con calma, de vagar, sen présa ningunha, temos todo o verso (apenas quedan xa versos) para nós, para nós que pasamos en silencio polos pasos de cebra do futuro. escombro somos e ó escombro voltaremos.



queridísima chus pato, pouco máis podo dicirche. torpe. así eu, tan torpe, tan necio (tan paramecio).

quinta-feira, 13 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.13

[A MEU TÍO CÉSAR]

flores salvaxes, flores salvaxes sobre unha tumba que nunca teremos porque é preferible ciscar a cinza polo aceite aínda fresco dalgunha paisaxe con sabor a constable, ou a corot mesmamente, meu amor. flores salvaxes ou, se o prefires, silvestres, que é un salvaxismo menos doente.




post para heriberto bens: estimado heriberto, cambio toda a túa poesía por unha flor de cardo nunha tarde ventosa de maio. xa ves, estimado heriberto, xa ves que pouco pago pola literatura…




post para paquita la del barrio: querida paquita, nunca sabería que dicirche, é probable que df sexa unha cidade que xa non exista porque bolaño marchou con ela dentro (bolaño levaba sempre dentro grandes cidades e tamén cidades miserables).




post para ray: benquerido ray, todos os meus dentes a cambio desa voz coa que me canto mentres me vou chorando mansamente, mentres me vou embebendo e resecando precipitadamente (mente precipitada, pensamento abocado ó precipicio: único e incompleto pensamento).




post para a miña amada: meu amor, ti e máis eu describimos labirintos que semellan xardíns de babilonia e, se ben os dous sabemos infelizmente que xa estamos perdidos para sempre, non deixamos de deambular pegadiños ó mirto para non despertar desta mentira.




post para chus pato: nalgún verso teu está toda a miña mortal caligrafía e xuro que con ela está tamén a man e o corpo e a infame boca aberta do inmenso cocrodilo que me agarda. non sei cal é o verso nin sei cal podería ser o meu innecesario epitafio…




post para min mesmo: grandísimo fillo da grandísima puta… se os porcos te comeran de pequeno, se no vulto de sabas ou toallas no que te arrouparon deixándote xa por morto non foran darche alento e darche vida… se non tivera acontecido tanto… en que acertaches despois de tantas noites e días e de tantas palabras e silencios? contra que pluma se vai medir o teu anodino e burdo corazón?

segunda-feira, 10 de dezembro de 2007

(II) AGRESIÓN.12


da tagte es. ou non, pero por momentos tanto ten.




ler antes de escribir ou escribir antes de ler ou por onde se empeza cando todo está sen facer, cando todo está desfeito?




define birkenau (podes botar man de tanta bibliografía como queiras, podes facer chuletas, podes autolesionarte para saber en carne propia o que pode sentir un corpo cando cambia de estado sólido a gasoso).




na esfera pintada por holbein o xoven no seu cadro os embaixadores aparece a liña divisoria entre castellanos e portugueses e unha caveira tratada dun particular xeito para ofrecer a anamorfose máis curiosa das que teñamos noticia (mirar a superficie do cadro dende un lateral, case sen ángulo). puntos de vista. puntos de braille. o punto de vista dos cegos, dos cegos ollos malva da flor de cardo.

domingo, 9 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.12


andar ó vagabán polo corpo de muller que para min inventaches nalgún escenario inconcreto do pasado e que resiste.




“no quiero saber a qué me aproximo, no quiero indagar. afortunadamente, tengo mala memoria, a menudo en reposo o en lo indeciso.” suliñado de cor laranxa na páxina 154 dun libro que collín novamente nas mans despois de non sei canto tempo e que collín por coller, sen necesidade (impulsos caprichosos que me alegran e me asustan a partes iguais).




define mouvement 7 tinta sobre papel.




all the wild horses. era esa a desembocadura do río que pasaba manso baixo a ponte das poldras? cal era o río, cal a ponte, cal o motivo dese camiño, deses ollos cheos de pés descalzos? ollos de cardo en flor, ollos de fráxil consistencia.




me estás oyendo inútil? toda a miña poesía apenas un instante, un feroz instante de soberbia e vanidade…

quinta-feira, 6 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.11




nas noites nas que se arde sen lume coma nunha cacharela de apalpadas murnas. nas noites nas que o camiño é un segmento indescifrable de pisadas pola sombra sen sombra das ausencias (cando un é a súa propia ausencia, unha ave estática no ceo, arrolado paxaro sen futuro). nas noites nas que o medo ten tantos matices… urco atroz.




o coche está en pleno proceso de transformación (de omnívoro a herbívoro en menos de vinte segundos) e mentres tanto en bagdad todo está aínda por vir, por ver, por voar (a manía das aves, de case todas as aves).




silencio de (glenn) branca




noites en branco (en branco satén, en branco branquísimo de zurbarán, en branco sobre branco) que son as noites máis densamente negras, as noites máis longas do ano sen que a eclíptica importe, sen que os millóns de datos que cada milésima de segundo son recollidos en centos de observatorios poidan servir absolutamente para nada.




mil e unha noites debería ser o título dun tango e sherezade tería que arquear o seu corpo coma un bandoneón ata facer saltar a banca polos aires, polos bos aires queridos de damasco, dese oriente próximo tan lonxano que un escribe e escribe e escribe e nunca da chegado (como fixeches ti, querida ou queridísima chus, chus pato, chus de epiceno nome?). un día terás que dicirmo aínda que non te entenda, aínda que te escoite como se estivera a ler el extranjero na miña adolescencia e me quedara para sempre coa palabra asfódelo na lingua e camus se reducira a unha abrótega en flor ó final da primavera.

terça-feira, 4 de dezembro de 2007

domingo, 2 de dezembro de 2007

AGRESIÓN.10


…et qu’il mouille son lit.




hai unha clara proliferación de comportamentos esquizoides cando se pasan horas cun mando da play nas mans e coa cama sen facer, coa comida aínda no plato, coa dificultade evidente de realizar unha lectura comprensiva de textos obxectivamente simples (todo texto é por definición obxectivamente simple a pesar de que non poidamos descifralo: xerarquías mentais).




fotografíar unha fotografía… nun cemiterio fotografiar unha fotografía, unha antiga fotografía de alguén a quen xa ninguén recorda.




en lausanne, onde nunca estiven, nese lugar onde a arte brut atopou o seu nicho. penso hereticamente na posibilidade de ver un día as miñas obras alí contidas, as miñas contidas obras alí contidas, naquel pequeno inmenso continente.




biolencia...




son tan numerosos os perigos que seguir vivo non deixa de parecerse a un milagre, a un día de voda en caná ou a unha tarde fría de catecismo nunha aldea perdida na memoria.




...son lit. un colchón de la, unha botella de auga quente cunha punta de encofrado dentro (primeiro laboratorio de física e, definitivamente, único laboratorio de física: unha botella e unha punta nunha cama con colchón de la). la-la-la (trío cunha punta de encofrado dentro).




define biolencia, meu amor, define biolencia co teu puñal de berros recortando pola liña de puntos os meus nervios, os meus fráxiles nervios.



toda a miña literatura unha punta de encofrado dentro dun verso de chus pato (unha botella de auga quente nunha cama fría con colchón de la).